domingo, 1 de febrero de 2009

Encontros co Presidente

As políticas de dependencia

Ferrol, 27 de xaneiro do 2009.- O Secretario Xeral do PSdeG e candidato á reelección como Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou hoxe que o seu "gran compromiso para a próxima Lexislatura é o desenvolvemento activo e pleno da Lei de Dependencia", en colaboración cos concellos e apoiándose nas redes municipais. O obxectivo é atender a 50.000 dependentes na aplicación da Lei, que crearán 15.000 empregos de calidade.
Touriño confesou "estar en política polo sentido da igualdade dos cidadáns: por creer que é algo polo que vale a pena traballar. Son as políticas sociais as que están no cerne da igualdade das persoas".
O líder dos socialistas galegos anunciou a creación na próxima Lexislatura da Lei de Integración Laboral para Persoas con Discapacidade, que dará emprego a 10.000 persoas con discapacidade funcional.
No acto celebrado hoxe en Ferrol enmarcado na serie "Encontros co Presidente" e dedicado neste caso á Dependencia, o líder dos socialistas galegos comprometeu un salario de inserción equivalente ao 70% do salario mínimo para alomenos 5.000 persoas discapacitadas, o que suporá un investimento de 96 millóns de euros.
Asimesmo apuntou a creación da Lei de Accesibilidade e da Lei de Infraccións e Sancións en materia de Igualdade de Oportunidades ´para a próxima lexislatura.
Sabendo que un dos problemas fundamentais para as familias é o coidado de persoas maiores con algunha demecia, o candidato socialista á presidencia da Xunta prometeu a creación dunha rede de Unidades Extrahospitalarias específicas de Psicoxeriatría e un Programa de Atención ás Demencias en Persoas Maiores, para que se poidan atender fóra da rede hospitalaria e as familias conten con axuda especializada en todo momento.
"Acadaremos na próxima Lexislatura 18 Centros de Alzheimer e outras demencias", dixo, e aludiu tamén ás "persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, que tamén deben sentirse unha prioridade do conxunto da sociedade e deste Goberno".